Javier Iglesias, Terra terriña

martes, 22 de enero de 2002

Iglesias Bugarín, a realidade transcendida

por Francisco Pablos da Real Academia de Belas Artes

Terra terriñaAnte a pintura de Javier Iglesias Bugarín, prodúcese inevitablemente, unha transformación do estado de ánimo do espectador.

Ocorre que a realidade observada minuciosamente, resulta transcendida, complexizada. Resaltada no secundario; o que o ollo, habitualmente, non percibe pero que está. O que é, e imponse na súa peculiar morfoloxía, absorbendo a luz fugaz que queda incorporada ó detalle. Esa aparente nada que, ó fin, é tanto, ata ser todo.

Na terminoloxía ó uso, esta actitude estética adoita denominarse hiperrealismo, e conta con ilustres cultivadores que acaso se iniciaron en séculos xa case remotos, con Canalete. E chegan a Hopper, a Naranjo e López García en España, a Martiño ou Roberto González entre nós, porque a pintura galega hai xa moito tempo, afortunadamente, que abandonou todo o folclorismo para incorporarse a correntes universais.

Nada queda da tradicional paisaxe decorativa, esa impresión fugaz da realidade, característica do impresionismo, que semella a retención dun intre. Algo así como un determinado fotograma da toma dunha escena non deliberada. Polo contrario, agora a realidade é espida, breve. Máis que anatomía urbana é histoloxía ideal, pormenor preciso, que se integrará no resultado conxunto, de maneira que cada mínimo detalle forma parte dun todo no que se captou a referencia e, ademais, o presentimento e a atmosfera. O aire corporeizado, adensado, materializado que se adhire á referencia como unha pátina de tempo impreciso e intemporalizado.

Precisa o artista dun proceder manual caligráfico. De pendolista. Algo así como o que Ortega e Gasset dixo da literatura de Azorín: «Primores de lo vulgar». Porque o vulgar, o aparentemente aleatorio resáltase, maiusculízase e cobra condición de protagonista, desde un cromatismo insólito no que verdes, violetas, cobaltos e grises se impoñen a carmíns, rosas e amarelos.

Iglesias Bugarín, vigués, nado no 1960 alcanza a súa madurez xusto nesa idade na que as iniciais emocións se refrearon xa e é a mirada reflexiva a que sente, idea, dirixe a man, simple vehículo do pintor. Porque a pintura, dabondo sábese desde que o dixo Leonardo, e ¡ai de quen no o saiba!, é cousa mental.

Ocorre, claro é, que despois do mestre florentino escribiron Proust e Fracis Ponge, para que saibamos que a arte non é só o que se elixe como asunto senón como se interpreta. O noso artista sitúase fronte á realidad e rétaa coa súa mirada penetrante, esixente, case táctil. Acaricia insitentemente o todo e cada mínima parcela dese todo. Lentamente vai aprehendéndoo, para unha rumia lenta da súa metabolización que son os seus cadros, nos que a emoción é como un doce revulsivo interno. Porque nesa imaxinaria aprehensión a sorprendida, a ideal, como inalcanzabla verdade non visible é algo asó, como a súa alma, o espírito das cousas, das arquitecturas, dos recantos urbanos, os cales, a partir desa acción plástica, parece que entregaron o máis recóndito do seu ser físico.

Vigo, que ata agora non contou senón co circunstancial paisaxismo ó uso, posúe xa, coa pintura de Iglesias Bugarín, esa outra realidade como máis perdurable e sen dúbida paradoxal, posto que sen ningunha énfase, sen alardes dos que deliberadamente prescinde o pintor, é máis intenso e máis verdadeiro.

Esta pintura é soidade sonora, se ben con acordes de cámara, lonxe da chamada pintura metafísica que anos atrás deu nome ó italiano Chirico. Anotemos, non obstante, que nada é máis alleo a esta estética có narrativo. Aquí non hay descrición. Nin énfase. Porque se o sentíramos, sería consecuencia da interpretación que cada espectador faga, case inevitablemente, desa labazada de verdade que se sitúa diante del para conmovelo.

Si, en cambio, hai lirismo. A realidade debidamente auscultada, insistentemente analizada, é emotiva. Así, nestes retallos urbanos, tan peculiarmente levados á tea, hai latexos, sensacións de emerxencia da vida interna que posúen.

Hora é xa de que Iglesias Bugarína, artista notable, se incorpore á nómina plástica, espléndida, da Galicia presente como un valor exhibible, digno de que gocen da súa arte pública máis ampla do que ata o presente tivo. En ocasionais exhibicións que pese a todo chamaron a atención, sorprendeu e ata apaixonou a que sabe ver e aprecia-la creación artística.

Lonxe de modas, de supostas vangardas máis ou menos efémeras, Iglesias Bugarín amosa unha obra callada, sincera, de autenticidade irreprochable e de execución primorosa, admirable, chamada a ser capítulo destacado da pintura contemporánea, e asemade de onte, de sempre. Seguro que acabarán por disputala museos e coleccións importantes porque nela, todo o secundario alcanza o rango de monumental e perdurable.

descargar publicación en formato pdf
Comentarios: RSS 2.0
Compartir en Facebook

Deja un comentario